edicióons do cumio


Unha sección coordinada por Rafa Janeiro

Foto Rafa


PDF
PDF: 20,8Kb / 2 páx.

Corcobado


"Cando coñecín por primeira vez a Corcobado pareceume un individuo pouco recomendable como músico e como compositor."

Corcobado
  CORCOBATOR.
Por Wilbur. (metafísico neurasténico)


Cando coñecín por primeira vez a Corcobado pareceume un individuo pouco recomendable como músico e como compositor. Había unha falsidade recalcitrante nos seus temas, algo que non encaixaba. Todo ese submundo de chagas abertas e feridas cicatrizando en mares de sal tiña algo atraínte mais irreal; os elementos esenciais da farsa fantástica, un edificio oco de douscentos andares. Nada. O meu espírito xuvenil de procura da verdade esencial das cousas non me deixaba outra opción que o rexeitamento.

A segunda vez que coñecín a Corcobado foi diferente. A distancia entre os dous era menor, física e mentalmente. Logo o destino, ludópata incesante, encargouse de facernos coincidir en estrañas circunstancias e a distancia fíxose ínfima. Tocámonos tanxencialmente, de soslaio, mais abondou.

Á terceira din que vai a vencida. O caso é que, unha vez superados os iniciais prexuízos negativos e desbotados os posteriores e positivos, fun quen de ver realmente o que había tras de todo isto. E estivo ben. Unha longa traxectoria tan aparentemente incoherente coma consolidada. O alicerce é rexo. Escoitar un concerto de Corcobado é un fenómeno realmente individualizado (e individualizante). Non sabes o que hai, ou mellor, o que vai haber. É por iso que debemos liberarnos das cargas e preconceptos antes de abrir a orella. Despois só resta entusiasmarse ou aburrirse e ir á barra por outra garimba, segundo a medida de cadaquén. A última vez, a terceira na Nasa e a quinta en Compostela, presentou un experimento no que voltaba a xogar con vellos compañeiros e temas. Vellos e bos. Era un encontro para iniciados. Os neófitos tiñan poucas posibilidades, é de recoñecer, pero se foron quen de superar o transo probablemente agochen a lembranza con cobiza nalgún escuro lugar entre as vértebras máis sólidas da súa columna.

Non sei onde será a próxima, pero seguirei coñecendo a Corcobado cada vez que o teña diante. Xa teño algúns anos máis que hai algúns anos e perdín un pouco o devandito espírito xuvenil de procura, ou é que xa me convencín de que a verdade non existe, non sei, mais non espero atopar nada esencialmente novo, en troques si matices. A miña propia verdade agóchoa entre dúas das vértebras máis sólidas da miña columna.


Opina



PDF
PDF: 20,2Kb / 1 páx.

"Unha mágoa porque tan magno acontecemento podería chegar a sentar precedentes entre as esferas do Pazo do Hórreo e moitos xa nos facíamos ilusións de montar un Chill-out no Portico da Gloria..."
  O HOME XIRAFA (CGAC, Compostela).
Por Julio Gómez. Colectivo Laranxa&Lim;ón


Quén ía dicirme meses atrás que a miña primeira visita ó CGAC, templo sagrado de peregrinación para os amantes desas "cousas" que os humanos chamamos Arte Comtemporáneo, ía ser para bailar co todopoderoso guro das danzas ciber-químicas: Jeff Miles. Bueno, bailar é un dicir porque estaba tan abraiado que pasei toda a noite controlando os mozos que tentaban pasa-las copas ás agachadas dos vixiantes. Sempre perplexo pola incredulidade da organización que non chegaba a entender que non hai nada máis contemporáneo e vangardista que un inmenso porro de Hachis de batea regado cun caldo escocés. Unha mágoa porque tan magno acontecemento podería chegar a sentar precedentes entre as esferas do Pazo do Hórreo e moitos xa nos facíamos ilusións de montar un Chill-out no Portico da Gloria: ¡mola con botafumeiro e todo!

Imaxinádevos o Home Xirafa amenizando unha sesión de verán cando a catedral está ateigada de turistas (e nada de entrar polo morro). Se repiten as pautas coas que nos deleitaron no CGAC, teríamos un completo menú para tódolos gustos. Cando as autoridades entran no recinto sagrado Chiu e Xoan principian a banda sonora cos sabios aburridos: agora que si Caipirinha Productions, agora un pouco de Chain Reaction e como te queixes solto todo o catálogo de Mille Plateaux. Despois, e para facerlles máis levadeiro o esforzo, os monxes que empurran o batafumeiro fan un repaso polos artistas máis golfos. Xa saben, entre Bungalow, F Comunications e Minifunk. A auto-estrada do tempo que conecta Berlín-París-Barcelona entre o século XXI e aqueles gloriosos sesentas. Xa me imaxino máis dun pendurado do botafumeiro e os xaponeses embaixo marcando o compás cos flashes das fotos. Para rematar tanta modernidade e, aproveitando as circunstancias, como sempre hai despistados que identifican eléctrónica co "piñon fixo", o Home Xirafa destapan ós grandes mestres de Detroit para clausura-la misa. En fin, Jeff Miles a toda pastilla e Plastikman como monaguillo. Quén da máis. Ninguén, porque neste pais, e noutros tamén, os "dejotas" acostuman repetirse-reiterarse unha vez os descubres. Algo que non te pasara con Chiu e Xoan. Eclecticismo, bo gusto e moitas sorpresas.




omnibus non se responsabiliza das opinións dadas polos colaboradores.
asina colabora correo ult.num © revistaomnibus.com