Viaxes Zonda.


Unha sección coordinada por Dolores Vilavedra

Fotos Dolores Vilavedra


Opina PDF
PDF: 23,4Kb / 2 páx.

"Despois de ler todo isto eu saco un barullo mental, sicofonías identitarias en verbo conativo e concepción do mundo (implicación ideolóxica incluída) por resaibos míticos doutros tempos, e con intención de perpetuidade."
  LITERATURA BRAVÚ. UNHA VACA NO MILLO
Por Olgha

O bravú é unha etiqueta inventada (coma todas) para denominar unha serie de grupos musicais novos e para que lles servira de ponte mediática. Como idea é boa e ademais funciona. Houbo un disco común, Unión bravú, cousa bonita, e unha chea de notas na prensa, debates, etc. Pero quizais a este país lle cumpran máis os empresarios cós ideólogos, e quizais un selo discográfico serio, unhas condicións de gravación decentes ou unha distribución axeitada os fixeran turrar do proxecto musical avante toda, realmente.

Xa no ámbito da literatura a cousa mete medo. Porque un embálase e cunha palabra (etiqueta) acaba querendo crear un movemento cultural: que se todos somos bravos, que se vivimos no cu do mundo pero..., que se nos sobra creatividade e identidade (a calidade nin mentala), que se unha revista (Bravú n° 1, 2 ,3), que se un movemento literario, qué sei eu... Evidentemente, árdelle o peito.

Ata onde eu chegho a literatura bravú é a da letra das cancións e máis aquela editada en libro que asume os presupostos dos manifestos bravús da música. A pureza do tradicional coa arrogancia do moderno, o orgullo pola identidade aldeán que todos levamos dentro (uns máis ca outros, e nin se che ocorra ser urbanita), etc.


Frente á crise, frente aos "repugnantes" arroutada e subversión!! (...) Vivimos no cu do mundo, sabémolo. No recuncho máis reprimido do Sul de Europa. Si, é certo, per otemos emoción para tronza-lo universo. (...) Como somos de barrio, somos heavies, como somos da aldea préstanos a música de verbena. Somos dos "Chunguitos"porque somos de barrio, pero tamén che nos presta a música enxebre na taberna, e as melodías mexicanas no campo da festa. Porno-punk "de tapadillo" da ruta, e os saxofóns bonitos dos Satélites".


A todo isto, os únicos escritores que eu coñezo que admitan escribir literatura bravú son Xurxo Souto (o pai da criatura) e Santiago Jaureguizar (o padriño? un convidado? un que pasaba por alí?). Xurxo ten escritas tres obras: A tralla e a arroutada (1995), Fumareu (1997) e O regreso dos homes mariños (1999). Jaureguizar catro, ameaza outra (Salitre, seica): Fridom Spik (1995), Todo a cen (1995), A rutina corsaria (1998) e Comendo espaguetis diante da televisión (1998).

Despois de ler todo isto eu saco un barullo mental, sicofonías identitarias en verbo conativo e concepción do mundo (implicación ideolóxica incluída) por resaibos míticos doutros tempos, e con intención de perpetuidade. E será creativo e identitario pero mete medo. Isto dos de Souto que, por outra banda non deixan de ter anécdotas, nese seu estilo de crónica de viaxes, ben paveras.

Dos de Jaureguizar, trala iluminación de Fridom Spik, para min única obra válida neste repertorio, única que podería un entender como reflexo desa nosa identidade (sombra que sempre nos asombra ou Santa Compaña) inscrita no seu contexto posmoderno e posindustrial correspondente. Fóra diso, insisto, eu xa non entendo nada. Todo me parece facilón, trillado, e oportunista: un par de libros para adolescentes, un de xénero...

Se nos pomos cursis podemos dicir aquilo de que a literatura, neste milenio mediático, é un lugar de resistencia contra as nostalxias do eu e do nós. Pero se espabilamos un pouco tamén nos decatamos de que xa non estamos en tempos de credos e de que o único xeito de intervención no mundo é o coñecemento profundo e o único xeito de levalo é o humor, a ironía. Por iso, como lectora de literatura galega confeso que o obxectivo final para min é o pracer: un pouco de identidade, outro pouco de ideoloxía e, por riba de todo, o goce. Unha ten as súas debilidades...




omnibus non se responsabiliza das opinións dadas polos colaboradores.
asina colabora correo ult.num © revistaomnibus.com