www.ceramica-celta-sl.es

Unha sección coordinada por Xavier Vence

Fotos Vence


Opina PDF
PDF: 22,2Kb / 2 páx.

"Nin o Parlamento tivo ocasión de discutir e aprobar os citados documentos nin os axentes sociais foron consultados para a sua elaboración."

"Os dados manexados polos propios autores do documento recoñecen un rotundo fracaso da política aplicada ao longo de toda a década..."
  REFLEXIÓNS SOBRE O PEDEGA E O PDR: O TRUNFO DO DERROTISMO
Por Xosé Díaz. Economista

Recentemente a Xunta fixo público os documentos que teóricamente definen a "estratexia" da Xunta de Galicia para os vindeiros sete anos: o "Plano Estratéxico de Desenvolvemento Económico de Galicia 2000-2006" (PEDEGA) e o "Plano de Desenvolvemento Rexional de Galicia 2000-2006" (PDR), que recolle as iniciativas que se presentan en Bruselas para obter financiamento comunitario e, en particular, dos Fondos Estruturais e de Cohesión. Estas últimas son apresentadas polo Goberno Español como parte do PDR español, xa que a Galicia non se lle permite presentalo directamente en Bruselas.

Un comentario demorado de ambos documentos non é abordable nun pequeno artigo pero pode merecer a pena lanzar algunhas ideas pare que se vaia encendendo un debate en torno a estes documentos que, de ser tomados en serio, van marcar a acción política e o orzamento de Galicia para o vindeiro septenio.

O primeiro que compre decir é que sendo uns documentos dunha importancia estratéxica fundamental deberian ser obxecto de debate polas institucións democráticas do país e debería ser obxecto de consulta cando menos cos axentes sociais. Pois ben, nin o Parlamento tivo ocasión de discutir e aprobar os citados documentos nin os axentes sociais foron consultados para a sua elaboración.

Tan só a última hora fixeron unha presentación de trámite no marco do CES (Consello Económico e Social). Tal é a concepción da democracia e o respecto polas suas institucións que poñen de manifesto os responsables da Xunta de Galicia, sabendo que son os Planos de maior alcance estratéxico que se elaboran nesta lexislatura e que extenderán os seus efectos tamén durante toda a lexislatura seguinte, hipotecando a acción de goberno dos próximos sete anos, para ben ou para mal. Certamente, parecería razonable que en casos como este se recabe o máximo consenso posible ou cando menos se dea a actual oposición a ocasión de expresar a sua opinión.

En segundo lugar, hai no documento do PEDEGA unha análise da situación económica actual e da traxectoria seguida nos últimos anos onde, a pesares dos toques de triunfalismo ritual, observase e recoñecese que nos principais indicadores económicos Galicia perdeu posicións con respecto ás demais Comunidades Autónomas ou como moito, nalgún deles mantivose. En particular un crecemento económico ao longo da década dos 90 inferior á media española, unha incapacidade para crear emprego, un descenso da poboación activa e un incremento da poboación inactiva. Todo iso redondeado con un sensible declive demográfico. Xusto nun periodo no que o conxunto de España creou emprego de forma importante e incrementou a sua poboación activa. En definitiva, os dados manexados polos propios autores do documento recoñecen, polo tanto, un rotundo fracaso da política aplicada ao longo de toda a década e, en particular, o fracaso do anterior Plan Económico e Social (PES), en vigor ata o 96. Tamén revela isto que no caso de Galicia nin os Fondos Estruturais nin os Fondos de Cohesión foron suficientes para conducirnos por unha senda de converxencia con Europa e coas áreas máis dinámicas do Estado Español.

Se o balance do pasado é claramente revelador do fracaso e da insuficiencia das medidas adoptadas, o panorama que se debuxa de cara o futuro non é precisamente optimista nin ilusionador. Máis ben cabería decir que os obxectivos dos autores do PEDEGA, é decir, da Xunta de Galicia, son xa de partida claramente derrotistas. A taxa de crecemento do PIB prevista non garante unha converxencia real co resto do Estado nin con Europa, iso mesmo no caso de que chegue a cumplirse a taxa de crecemento que eles se marcan como obxectivo. No PEDEGA prevese tamén unha cuase insignificante creación de emprego (uns 7.600 por ano), ben lonxe das previsión que se elaboran pàra o conxunto español. Tendo en conta que iso reflexa o obxectivo marcado pola Xunta cabe afirmar que non se marcan un obxectivo moi ambicioso, senon máis ben, que parten dunha posición ben conformista e derrotista. Iso quere decir que as medidas de política económica que se propoñen estan en consonancia con eses obxectivos e que ou non queren ou non saben deseñar medidas máis adecuadas.

De feito, parten dun plantexamento de política financeira netamente liberal e conservador que prima os obxectivos de reducción do deficit frente as necesidades dunha estratexia expansiva, que sería a necesaria para dar un salto adiante en crecemento e en creación de emprego.

En realidade, o que ocorre é que non se plantexa ningunha iniciativa minimamente imaxinativa e novedosa que pudese servir para provocar un mínimo revulsivo ou impulso da economía galega senon que, polo contrario, parece apostarse por unha reiteración ao longo do próximo septenio das mesmas políticas que se viñeron aplicando na década dos noventa e cuxos pobres resultados xa coñecemos.




omnibus non se responsabiliza das opinións dadas polos colaboradores.
asina colabora correo ult.num © revistaomnibus.com