Viaxes Zonda.


Unha sección coordinada por Xosé M. Penas Patiño

Penas Patiño


Opina

PDF
PDF: 24,0Kb / 2páx.

"Chegou a democracia, e con ela perdimos a inocencia, a esperanza de que as cousas serían radicalmente distintas."

"...por non falar da alternativa máxica deste imaxinativo governo que é a de xuntar todo o lixo e incineralo para producir máis enerxía eléctrica xunto coa inseparable Fenosa (que casualidade)."
  ALARMA: HAI QUE MOVERSE XA
Por Pepe Salvadores. ADEGA

Os que somos máis vellos ca democracia neste país e xa desde novos tiñamos veleidades ecoloxistas, pensabamos que as desfeitas que se producían naqueles (remotos?) tempos eran, por unha banda, o froito da maldita dictadura e do uso e abuso dos poderosos que viñan disfrutando do poder omnímodo (vexase Fenosa , por exemplo), e pola outra banda, a de aquí, aínda non existía unha conciencia extendida entre a poboación que prestara atención ós problemas medio- ambientais. Sucedíanse entón intervencións profundas, radicais e as máis das veces irreversibeis, que barrían non só un pasado de historia acumulada senon tamén fontes de recursos que durante centos de anos tiñan proporcionado alimento e riqueza. Sirva como mostra a desecación da lagoa de Antela, en Ourense, unha das maiores do Estado. Afortunadamente, o pobo galego, con aqueles partidos clandestinos ó frente xunto con incipientes organizacións ecoloxistas, souberon frear, con mobilizacións masivas, algunhas agresións programadas, como a instalación nuclear de Xove ou o rosario de celulosas previsto para as nosas rías.

Chegou a democracia, e con ela perdimos a inocencia, a esperanza de que as cousas serían radicalmente distintas. É verdade que o cambio foi positivo, pero tan raquítico e superficial que ás veces asusta a imposibilidade de frear a presente desfeita, esta vez democrática, que seguimos padecendo. A lista de emerxencias parece non ter fin: a biodiversidade ameazada, a costa con palmeiras e cemento armado, os bancos pesqueiros esquilmados, o bosque autóctono en regresión e o país no camiño de se converter nun inmenso eucaliptal, novas edificacións sen máis orde có marcado polas "libertades democráticas" dos señores propietarios, etc. etc. O exercicio "democrático" parece estar reservado a distribuír maleficios: énchese o país con miles de aeroxeneradores sen respetar nin os espacios que teoricamente se están a protexer, non se deixa unha soa cunca dos nosos ríos sen minicentral privada, gástanse cada ano miles de millóns (democráticos: son de todos ) nunha particular loita contra os incendios, por non falar da alternativa máxica deste imaxinativo governo que é a de xuntar todo o lixo e incineralo para producir máis enerxía eléctrica xunto coa inseparable Fenosa (que casualidade). A lista de despropósitos non remata aquí: é moita máis longa; debemos repasala, de cando en vez, para facérmonos unha composición da situación e asumir a responsabilidade que nos toca neste reparto, este sí verdadeiramente democrático, do deterioro ambiental.

Ben pensado, que cabía esperar se estamos sendo gobernados polos mesmos de sempre, polos que levan arranxando o país desde hai (60 - 2 = 58 anos) máis de medio século. Pero non está todo perdido: é obvio que a conciencia ambiental medrou de forma notable e, dunha forma ou de outra, todos estamos preocupados. Anque non abonda: hai que tomar de inmediato unha postura decidida, hai que sumarse ós centos de persoas que hoxe se están mobilizando contra a política ambiental actual: son os de Vilaboa, e os que defenden os ríos contra os encoros no Umia, no Ulla, en Lousame, en Outes,..., e os labregos que piden indemnizacións polos destragos que causa a fauna salvaxe, e os que reclaman reducir, reutilizar e reciclar opoñéndose á incineración, e os que solicitan unhas concentracións parcelarias racionais, e os que apostan por unha ría de Arousa libre de enormes depósitos de combustible... Hai que solidarizarse cos que están a defender o seu territorio máis próximo, porque, tarde ou cedo, en moito ou en pouco, beneficiáremonos do seu triunfo ou participaremos das consecuencias da súa falta de éxito.

Teño, pois, que facer desde aquí un chamamento urxente á sociedade para que entre todos sexamos quen de dar unha resposta axeitada e masiva a unha nefasta política ambiental que está levando ó noso país a unha situación sen retorno cunha velocidade vertixinosa. As asociacións ecoloxistas non damos feito: precisamos que a conciencia ecolóxica dispersa se plasme organizativamente, porque esta é a única maneira de mellorar a eficacia e poder dar respostas acaídas e máis contundentes. Hai máis de dúas ducias de organizacións ecoloxistas actuando no país (para min excesivas, pero ese é outro tema), con diferentes maneiras de facer e distintos ámbitos, o cal invalida calquera excusa de non atopar a adecuada asociación ás expectativas particulares de participación. É, por tanto, que reclamo o compromiso activo de quen teña sentido rabia e impotencia ó percibir como se nos vai o noso medio natural. Estamos nunha situación que nin é sostible nin é moralmente aceptable: necesariamente témola que cambiar. E mellor canto antes.




omnibus non se responsabiliza das opinións dadas polos colaboradores.
asina colabora correo ult.num © revistaomnibus.com