Debate
O mes que ven:
¿QUE PASA COA SELECTIVIDADE?
Participa aportando a túa opinión.

Publicidade


Se queres pór publicidade na omnibus consulta a nosas tarifas.



omnibus non se responsabiliza das opinións dadas polos seus colaboradores.

Prohibida a sua distribución con fins comerciais. Se desexa reproducir a páxina nalgún medio de comunicación, consulte primeiro co autor/a.


 
SECCIÓN COORDINADA POR:

Tempos. Nº 21

CADA MES UN TEMA DE DEBATE

¿COMO CHEGAR A UN ACORDO NORMATIVO?

A FAVOR DO DIÁLOGO E DO CONSENSO NORMATIVO

Xosé Ramón Freixeiro Mato

Está hoxe de actualidade, novamente, o debate arredor da norma do galego, xerando moitas esperanzas para definitivamente encamiñarmos a nosa lingua cara a un futuro máis ilusionante en que todos nos sintamos partícipes e comprometidos na tarefa de consolidación do proceso de normalización e de fixación do estándar.

Mais cómpre botarmos unha breve ollada retrospectiva: encanto Galiza tivo poder político de seu e o galego foi lingua común galego-portuguesa, este desenvolveuse como lingua normal no seu territorio. Cando Galiza, debilitada pola separación de Portugal, perdeu o poder político para entrar baixo o dominio castelán, o galego tamén entrou nun longo período de secundarización e de desprestixio. Neste momento áchase nunha disxuntiva de carácter decisivo: ou consegue recuperar a súa normalidade como lingua de uso social xeneralizado, ou ben continúa pola vía da dependencia que conducirá á súa inevitábel fagocitación, converténdose nun dialecto do castelán.

Este debe ser o momento do reencontro de Galiza co seu brillante pasado, coa Gallaecia histórica que tanto esplendor alcanzou política e culturalmente, e que converteu a lingua galega nun idioma de prestixio dentro e fóra das súas fronteiras. Esa volta de Galiza (e do galego) ás súas orixes na procura do tempo perdido pasa inevitabelmente pola aproximación a Portugal e ao portugués, aproximación que non ten de ser só ortográfica, mais que debe posibilitar que o galego rompa coa deriva actual cara ao español e se volva definitivamente cara ao tronco común galego-portugués, que é o mesmo que dicer cara a si proprio. E sempre sen o galego renunciar a nada de seu.

Na deriva cara ao español a única saída posíbel é a progresiva disolución do galego na lingua de Castela, como unha variante dialectal máis. O reencontro co portugués, principalmente agora en que Galiza e o norte de Portugal constitúen unha eurorrexión con intereses tamén económicos comúns, sen dúbida ha supor a consolidación do galego como lingua útil e mesmo imprescindíbel para a Galiza do novo milenio. E sempre seguirá sendo galego (ou, se quixermos, galego-portugués), pois as interferencias que puderen vir de alén Miño nunca porán en cuestión a autenticidade do idioma, senón que, por contra, a reforzarán por procederen do interior do sistema. Tal reencontro ou aproximación posíbel ao portugués non implica tampouco necesariamente a unificación normativa total, pois é perfeitamente compatíbel a existencia de dúas ou máis normas coa pertenza a un mesmo diasistema lingüístico e coa harmonización entre elas. Mais canto máis consigamos aproximalas, tanto máis fácil resultará prestixiar internamente e proxectar internacionalmente como idioma economicamente rendíbel unha lingua, como a galega, tan necesitada da autoestima dos falantes, da asociación con valores sociais en alza e do recoñecimento exterior.

O feito de o galego ser a nosa lingua é motivo máis que suficiente para a utilizarmos e a potenciarmos ao máximo. Mais, para alén diso, resulta que nos abre a posibilidade de nos relacionar directamente con un capital humano de millóns e millóns de persoas que hoxe falan no mundo a lingua que nós fomos quen de criarmos e que os portugueses espallaron por varios continentes. ¿É imaxinábel pensarmos que un país poda renunciar ao patrimonio, tamén económico (véxase, senón, o caso do inglés e mesmo do español), que el proprio xerou? ¿É posíbel que, en vez de nos sentirmos orgullosos de termos criado unha das linguas máis faladas no mundo e con máis posibilidades de futuro, aínda estexamos debatendo entre nós sobre se debemos ou non transmitírllela ás xeracións futuras, ou se debemos procurar unirmos na norma escrita, dentro do posíbel, a nosa variante ás outras existentes dentro do mesmo sistema lingüístico?

Ao noso entender, o galego debe basear a súa identidade como lingua non nunha imposíbel equidistancia entre español e portugués, senón nunha aproximación posibilista a este que o vacine do perigo de absorción por parte daquel. A absorción do galego polo portugués, en troca, non é unha posibilidade realista polas circunstancias sociopolíticas en que se desenvolve o idioma; nen, en último extremo, suporía outra cousa que o reforzamento dunha identidade lingüística hoxe deturpada por séculos de imposición do castelán como lingua do poder. O galego comunmente falado na actualidade (e en parte tamén escrito) está moi interferido por aquel e tal modelo non se pode consagrar como irreversíbel, pois, ao noso modo de ver, iso ía supor a dialectalización progresiva e a futura desaparición como lingua autónoma. Parece, pois, necesaria a intervención cirúrxica sobre ese modelo de galego para o ir reintegrando no seu proprio sistema, de onde nalgúns aspectos foi arrincado pola presión secular da que foi única lingua oficial durante séculos. Defendemos, en consecuencia, a reintegración lingüística. E entendemos por reintegración (ou rexeneración) o feito de reconducirmos o galego cara á súa plena autenticidade, liberándoo das interferencias alleas. Nesa reintegración do galego en si mesmo, o portugués debe ser o modelo orientador, pois temos o convencimento de que só terá asegurado o seu futuro se se mantiver unido o máis estreitamente posíbel á lingua falada ao outro lado do Miño. Ou con outras palabras, o galego ten de unir a súa sorte á do portugués como garantía de non ser absorbido polo español. Non hai dúbida de que nese achegamento a ortografía é un elemento simbólico importante que debe marcar unha primeira fronteira coa lingua de Castela; e coa actual norma non se garante isto. Ora ben, tamén coidamos que a ortografía non é o elemento único para avanzarmos na reintegración ou rexeneración antes mencionada; cómpre eliminarmos moitas interferencias alleeiras que deturpan o noso idioma e recuperarmos características de noso en transo de desaparición.

Mais calquer cambio que se poida producir no proceso de estandarización do idioma debería contar, ao noso modo de entender, cun amplo apoio social e co maior consenso posíbel entre as diferentes posicións encontradas. Benvindo, pois, se por fin viñer, o diálogo, o debate sereno e a concertación sobre o presente e o porvir do galego, sen exclusións e sen recriminacións, coa mirada no futuro desde un pasado que nos debe unir e non separar. O resultado non pode ser máis que positivo.

 

SOBRE A SALIENCIA DA POLÉMICA ORTOGRÁFICA.

Henrique Monteagudo

O eco acadado polos recentes debates sobre a ortografía do idioma, e o mesmo feito de que estes debates se prolonguen no tempo, obriga a unha reflexión sobre a saliencia da cuestión. Eu propio, como especialista na problemática do noso idioma, me teño preguntado: ¿por que estou sendo continuamente solicitado (ata a extenuación) para falar e escribir sobre este tema e non sobre outros? ¿por que será que un debate sobre a ortografía suscita maior atención pública ca unha discusión, poñamos, sobre a galeguización do ensino? Obviamente, non se trata de algo persoal, unha especie de teima miña, pois aínda que eu teño tratado do asunto, sempre procurei facelo con certa circunspección, e de feito por cada intervención que realicei arredor del, negueime a falar ou escribir non menos de dez veces sobre o tema (ata o punto de que se me ten acusado reiteradamente de refugar a discusión). Tampouco penso que se poida explicar o interese que este esperta simplemente porque os reintegracionistas, coa súa tenacidade e insistencia, conseguisen convertelo en punto central da 'axenda' das preocupacións lingüísticas dos/as galegos/as (máis exactamente, dos/as minorías que se preocupan do idioma), aínda que indubitablemente ese factor conta moito na explicación final. Como desboto por principio as teorías conspirativas, tampouco me satisfai o punto de vista segundo o cal son precisamente os inimigos do idioma galego os que se dedican a darlle aire ó debate para debilitar as forzas galeguistas e desviar a atención da opinión pública doutros asuntos lingüísticos máis prementes. (Así e todo, non se pode ignorar que hai a quen as disensións normativas lle serven de argumento anti-galego, ou de escusa para arredarse do idioma do país). Ten que haber explicacións máis fondas e convincentes. A ver se acerto a adiviñar algunhas:

1) O deterioro da base social do idioma. De certo, a asimilación lingüística ten avanzado moito durante o século pasado (ollo, refírome ó recén finado século vinte) nos dous sentidos: a deturpación do 'sistema' lingüístico, vía interferencia do castelán e a perda de falantes e mesmo de presencia social do idioma. Moita xente, sobre todo do medio urbano, experimentou unha exposición moi escasa ou nula ó idioma 'vivo'. Outra moita só entrou en contacto con variedades bastante degradadas deste. Por parte, pode dicirse en xeral que unha porción moi importante dos sectores lingüisticamente máis conscienciados e reivindicativos viviron nun ambiente fortemente desgaleguizado. Para os/as neofalantes, pode ser máis rendible aprender unha variedade en principio máis cosmopolita do que outra máis enxebre, sendo que o seu sentimento lingüístico tampouco lles permite apreciar con clareza a 'inautenticidade' da primeira comparada coa segunda.

2) A deturpación do idioma 'vivo'. Como acabamos de sinalar, a presión do castelán deixouse sentir con moita forza nas variedades faladas 'espontáneas' do galego. Isto ten dous efectos: por unha banda, para moitos o idioma falado está deslexitimado como fundamento dos rexistros cultos; por outra banda, mesmo para os que non concordan coa devandita valoración, preséntanse moitos problemas de 'criterio', especialmente abundantes e difíciles de resolver polo estreito parentesco lingüístico que existe entre o galego e o castelán (para a maioría dos galegos, os límites entre un e outro idioma son cando menos difusos). Por parte, a reacción que esto suscita é precisamente a de extremar o purismo e o diferencialismo (nótese que os dous conceptos non coinciden exactamente), sempre anti-castelanistas. Ás veces un ten a impresión de que hai xente que non se esforza tanto en falar (e escribir) o galego como en falar e escribir en non castelán.

3) A inexistencia de 'modelos' de lingua culta e a carencia ou fraxilidade dos criterios de autoridade. O galego literario e culto contemporáneo adoptou moitas solucións axeitadas, pero sempre acompañadas en cada texto e cada autor doutras problemáticas ou directamente rexeitables, o cal dalgunha maneira o desautoriza como guía fiable, ata o punto de que hai quen opina que simplemente debemos prescindir del. Discordo rotundamente: de certo, hai que peneirar o galego culto con moito tento, pero despois da peneira podemos extraer del auténticas pebidas de ouro. Sosteño que o galego culto tradicional está sendo infra-explorado, e que é insuficientemente coñecido polos mesmos escritores actuais. Por parte, teño presenciado abondas discusións entre galeguistas que son ó tempo lingüistas expertísimos e falantes competes como para facerme reflexionar sobre a labilidade dos nosos criterios de corrección. A falla dunha tradición de cultivo do idioma debidamente socializada explica as carencias que temos que afrontar á hora de construír un idioma de cultura e a permanente incerteza que rodea as solucións que adoptamos. Nesas condicións, é tentador recorrer á autoridade do estándar portugués. De feito, estou convencido de que existen bos motivos para importar masivamente recursos del; pero de aí a, por comodidade, prescindir do galego e adoptalo tout court, vai un salto de pinchacarneiro.

Así e todo, eu penso que afinal, a problemática ortográfica sitúanos ante unha cuestión máis de fondo, que é a da problemática relación entre lingua e identidade. Neste punto, hai que recoñecer que é difícil conseguir un punto de equilibro: a hipertrofia da dimensión identificativa do idioma é aberrante, pois este é tamén un instrumento de comunicación, a atrofia daquela conduce ó simple abandono do galego, pois a lóxica instrumentalista levaríanos non cara ó portugués, senón cara ó castelán. Entendo que se trata de articular un discurso en que en primeiro lugar insistamos no idioma como elemento identitario (o que nos permite reivindicar o galego respecto do castelán, pero tamén nos obriga a non identificalo co portugués), para, sentado isto, chamar a atención sobre o potencial comunicativo que representa a proximidade entre o galego e o portugués (proximidade que debe salientarse, non refugarse).

En definitiva, o que lles eu pediría ós lingüistas galegos son dúas cousas: (1) Que se esforcen en explorar a fondo as fontes de arrequentamento do idioma, especialmente o galego literario contemporáneo e o portugués estándar, e a partir de aí ofrecer recursos máis abundantes e accesibles e de maior cualidade ós usuarios do idioma. Tanto un coma o outro poden dar máis do que se lles ten tirado. (2) Que non renuncien a dialogar entre eles e cos sectores sociais máis involucrados nas reivindicacións lingüísticas, procurando buscar puntos de encontro e non afondar nos diferencias. Para isto último, coido imprescindible asentar dous principios, nos que levo insistido ata o fastío: (1) nin a ortografía nin a normativa son a lingua, senón a súa veste máis ou menos circunstancial; relativicemos, pois, os problemas relacionados con aquelas, e enfaticemos os que teñen que ver con esta; (2) sen embargo, para un idioma que aspira a ser normal, é preciso que existan unha ortografía (e só unha) e unha norma (e só unha) recoñecidas pola xeneralidade da comunidade lingüística. É imposible pensar que todos/as imos estar de acordo con cada aspecto da ortografía ou a norma, pero convencionalmente temos que pórnos de acordo en aternos a elas. Os reintegracionistas, pois, non teñen por que renunciar a convencernos a todos/as da idoneidade e viabilidade das súas propostas, pero probablemente os seus razoamentos fosen máis convincentes se, entre outras cousas, soubesen pregarse á utilización dunha norma común (ou ben comprometerse a adoptar unha), que, desde logo, tampouco ten que ser eterna e inmutable. Os autonomistas temos que animarnos tamén a ser autocríticos, e abandonar rixideces e dogmatismos, facendo un maior esforzo de diálogo. Non habería mellor demostración de boa vontade por ámbalas partes que, á parte de rebaixar o ton dos debates (isto tócalle máis ós primeiros), mostrarse un pouco máis flexibles e dispostos a atender as razóns do contrario. Quizais así conseguiriamos redimensionar a problemática ortográfica e outorgarlle saliencia a outras cuestións en que se xoga o futuro do idioma, e nas que acostuma existir un maior acordo, como por exemplo a da galeguización do ensino.


COMO PARTICIPAR

Aporta a túa opinión sobre o tema a debate. Tamén podes enviar artigos, participar aportando a túa opinión.
omnibus@imaxin.com


asina colabora correo ult.num © revistaomnibus.com